Saturday 27 de April de 2024

O Concello de Moeche licita un novo tramo de beirarrúas no núcleo de San Ramón


O Concello de Moeche executará en breve un novo tramo de beirarrúas entre a estrada da feira e Rúa da Feira, no centro urbano do municipio, con cargo ao POS Adicional 2023. A licitación do proxecto, cifrado en 56.370,43 € -IVE incluído- publicouse esta mesma semana na Plataforma estatal de Contratación do Sector Público. A obra daralle continuidade aos traballos de reposición de beirarrúas desde o centro médico á estrada da feira, xa adxudicados a Construcciones Jose No Mantiñán e Hijos, financiados cos fondos do POS 2023.

Este segundo proxecto supón a construción de novas beirarrúas desde o cruce da rúa Andrés Pérez Soto (ao pé de Casa Sixto) ata o remate da rúa da feira, na esquina de Abanca, coa consecuente mellora na seguridade peonil. Nos puntos onde existen pasos de cebra practicaranse rebaixes nos bordos de calzada e deixaranse enrasados co pavimento asfáltico, co obxectivo de eliminar barreiras arquitectónicas, especialmente para persoas que usan cadeiras de rodas.

Preto dos pasos tamén se instalará pavimento táctil de dous tipos para axudar ás persoas con problemas de visión. Será de botóns nas inmediacións do paso e de barras direccionais en sentido transversal ao itinerario peonil, cumprindo así coa normativa de accesibilidade.

As novas beirarrúas serán de formigón impreso e coloreado. Contra a superficie aglomerada da estrada irán rematadas con bordo de calzada, mentres que na parte interior lindeira con zonas verdes existentes instalarase separadores de xardín.

No segundo tramo da beirarrúa pola marxe dereita, os traballos serán algo distintos debido á elevación sobre a calzada que presenta o trazado. A demolición neste caso non será total, senón que se retirará o enlousado de pedra ata acadar unha superficie máis horizontal e homoxénea. Nos últimos 30 metros suplementarase a altura con formigón para mellorar os accesos ás vivendas existentes. Para o peche exterior, o proxecto sinala un pequeno valado de formigón en cor no canto de instalar bordos de calzada. O desnivel entre as beirarrúas e a calzada salvarase na zona máis alta con tres chanzos corridos, de modo que se axustará igualmente ás normas sobre accesibilidade.

O proceso de licitación do contrato para a construción desta nova infraestrutura pódese consultar na Plataforma estatal de Contratación co Sector Público e as empresas interesadas teñen ata o 11 de decembro de 2023 ás 23:59h para presentaren as súas ofertas. Unha vez rematado o proceso de licitación e adxudicación, e asinado o contrato, o tempo de execución será de catro meses.